O cartel de TerraCeo crece ata os 33 concertos

Vigo. 16 de abril de 2021. A segunda edición do Festival TerraCeo ten xa en cartel un total de 33 concertos nos que participarán 39 artistas. Entre as novidades do segundo avance do programa do Festival para 2021 está a participación de 9 mozos solistas femininas e grupos integrados só por mulleres. Ademais, Los Secretos volven a TerraCeo en formato de trío acústico para celebrar o atardecer do 28 de maio. O resto das incorporacións ao programa –cronograma adxunto neste correo- son David Rees, Califato 3/4, Sidonie, Leo Harlem, Ángel Stanich, R de Rumba + Sho Hi, Paco Ibáñez, Freedonnia, Triángulo de Amor Bizarro, Grison y Jaime Caravaca, Beli Basarte y Rulo y La Contrabanda. Andres Suárez e Carlos Sadness, cuxos concertos esgotaron as entradas moi rapidamente, ofrecerán un segundo concerto en TerraCeo. O programa continúa aberto. Haberá novas incorporacións.

Los Secretos inauguraron o Festival TerraCeo o pasado ano. Vigo saía do confinamento. As entradas esgotáronse en minutos. E os temas clásicos dos Segredos encheron a primeira gran noite de música fronte ás Cíes na terraza do Auditorio. Aquela foi unha noite cargada de emocións. O regreso dos Secretos, en trío acústico, é especialmente importante para o Festival.

Voces galegas de muller

O Festival acollerá a presentación de dous discos da escena emerxente da música feminina en Galicia. Trátase dos novos traballos de Dani e do dúo Bala. A viguesa Dani xa tivo unha exitosa participación en TerraCeo o ano pasado. As dúas voces de Bala encherán a terraza do Auditorio dos seus sons próximos ao rock intenso dos 90, con influencias que van desde o grunge ao stoner, pasando polo hardcore ou o punk.

En TerraCeo participarán tamén este ano Wyyga, Its soul, Sanny, Irene e Mariña, Carolina RubirosaZeltia.  Repite, ademais, a cantante de porriñesa Xoana, que tivo unha memorable participación na primeira edición do Festival.

A presentación dos discos de Bala e Dani súmase ás dos novos traballos das bandas viguesas Os Resentidos e The Soul Jacket. Ata a data, son catro as presentacións de discos previstas no programa dun Festival que conta xa con 14 solistas e grupos de Vigo e Galicia –tamén participan Andrés Suárez e Baiuca, que xa esgotaron entradas, e Los Motores-.

Excelente acollida

O Festival está a ter unha excelente acollida entre o público. Nos primeiros días de vendas esgotáronse as entradas de catro concertos – Taburete, Carlos Sadness, e os mencionados Andrés Suárez e Baiuca-. Outros concertos colgarán moi pronto o cartel de “non hai entradas”. E #ante as reiteradas solicitudes para que Andrés Suárez e Carlos Sadness desen un segundo concerto, o Auditorio xestionou as segundas datas. Puido logralo. As entradas para estes concertos, como as de todos os demais anunciados están dispoñibles desde hoxe en www.teuticket.com.

Coa participación de David Rees, TerraCeo ábrese aos espectáculos para toda a familia. Do mesmo xeito que aposta pola promoción das novas voces da escena musical emerxente de Vigo e Galicia, o Festival TerraCeo ten vocación de ofrecer opcións para todos os públicos. A de David Rees é a primeira aposta polo público familiar. Os atardeceres fronte ás Cíes, ao aire libre, tamén son para as familias.

GL