Carismática, chea de talento, cunha voz doce e enigmática… e cun don especial para moverse nas redes. Estes son só algúns dos atributos cos que poderiamos describir a Bely Basarte (Madrid, 1991); a artista que, cando tiña que meterse a unha oficina tras finalizar Administración e Dirección de Empresas, decidiu apostar por Youtube, plataforma crave para o seu éxito e coa que mostrou as súas calidades artísticas ao mundo. Era a súa forma de sentir que podía empezar a voar con liberdade e facendo o que máis lle gusta no mundo: música.
Chega a TerraCeo como unha das novas propostas máis singulares do panorama español nos últimos tempos.

Antes cantará a grovense Carolina Rubirosa. Compartiu escenario e traballos discográficos con artistas como Coque Malla, Miguel Ríos, Javier Gurruchaga ou Andrés Calamaro. Gravou coa Real Filharmonía de Galicia e resultou gañadora en varios concursos, como “ Revolution Unplugged” de Europa FM ou “Sons Mans 2019”. No seu repertorio, cancións de sabor vintage conviven con outras de corte máis vangardista, dando como resultado un selo persoal único.