O FESTIVAL TERRACEO LANZA UNHA CAMPAÑA DE DESCONTO PARA OS CONCERTOS EN GALEGO, CON MOTIVO DA SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

O Auditorio Mar de Vigo lanzará este ano, por vez primeira, unha campaña de desconto para o Festival TerraCeo, centrada nos artistas galegos que cantan en galego. Esta iniciativa poñerase en marcha desde este martes, durante unha semana, ata as 23:59 do 17 de maio, coincidindo coa semana das Letras Galegas, ofrecendo un desconto do 25% a partir de 2 entradas compradas para os eventos de Xisco Feijoó, A Banda da Loba, Berto e Familia Caamagno ou Ortiga e Grande Amore. O Mar de Vigo quere sumarse deste xeito á celebración da festa das nosas letras, e fomentar a presenza de público nos concertos de artistas da terra. 

Dentro das liñas de TerraCeo desta edición, ademais da aposta por máis artistas internacionais, maior presenza de artistas femininas e de consolidar a presenza de artistas novos locais, TerraCeo aumenta tamén o número de artistas que cantan en galego dentro da súa programación. 

Como é o caso de Xisco Feijoó, quen presentará o seu novo traballo ‘Peixe’, o 3 de xuño. Trátase dunha proposta fresca, dunha realidade que aglutina toda unha carreira dentro da música tradicional vista dende unha perspectiva actual. ​​A banda da Loba, unha das formacións máis consolidadas do panorama musical galego actual, presentarán o vindeiro 4 de xuño, novo disco e novo espectáculo: ‘Xabón Lagarta’, inspirado no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros. O pasado e o presente. As experiencias e as conquistas herdadas. Estarán precedidas pola agrupación Fillas de Cassandra.

Xa entrado xullo, o día 2, actuarán nunha mesma cida Berto e Familia Caamagno. O primeiro é o novo proxecto de Alberto Mira, quen despois de revolucionar o panorama musical en 2021 con Verto, agora lanza o seu proxecto máis persoal. Por outra banda, Familia Caamagno presentarán o seu novo disco, ‘Había que intentalo’, un compendio de melodías pop, ritmos frenéticos e retrousos  coreables co único afán de  facer bailar  á  mocidade  máis dinámica  do estado. Como están facendo agora mesmo Ortiga e Grande Amore

O proxecto musical do primeiro non é fácil de explicar se non creciches nas verbenas galegas, e nese caldo ferve Ortiga, que soa ao Caribe que trouxeron os nosos  migrantes, pero tamén a isto que agora chamamos música urbana. Por outra banda, Grande Amore soa  macarra e  enternecedor, rabiosamente humorístico e, ao mesmo tempo, vulnerable e raiado na súa desesperación existencial.

A terceira edición de TerraCeo arrincou o pasado sábado coa sesión de Digitalism, un evento moi esperado pola gran maioría dos asistentes. Esta fin de semana chegan á terraza do Mar de Vigo, Hens, quen presentará os temas do seu primeiro disco en solitario, ‘Hensito’, para o que restan poucas entradas para a súa actuación o 13 de maio, precedido da viguesa Babykatze; e o sábado actuarán Taburete, quenes volveron esgotar as localidades para a súa actuación dentro do festival TerraCeo por segundo ano consecutivo, sendo esta a única en Galicia da súa nova xira ‘Caminito a Matadero’. Unha cita que abrirá a viguesa Carla Lourdes.

MÁIS ESPECTÁCULOS PREVISTOS PARA ESTA FIN DE SEMANA NO MAR DE VIGO

O Mar de Vigo continúa en paralelo co resto de espectáculos previstos para este mes de maio celebrando a vindeira semana os concertos de gREAT sTRAITS, o novo proxecto de Óscar Rosende, considerado o  “Mark Knopfler galego” o día 20 de maio, e a presentación do novo traballo de Mägo de Oz, ‘Bandera negra’ e a xira de despedida de Los Motores despois de 32 anos sendo uno dos grandes grupos deste país ao día seguinte.

ESP